Un 80% dos incendios forestais que se producen en Europa teñen lugar na Península Ibérica. A metade dos que prenden en España concéntranse –contra o que a climatoloxía puidese facer prognosticar- en Galicia.
Os galegos temos fama de querer á terra coma poucos. Bautizámola, facémola nosa máis do que a fan outros pobos. E con todo, o noso monte está sometido a un perigo certo e infinitamente superior ó do seu contorno.
Como é iso? Por que? Que facemos? Lume e fume busca contar a realidade e o lado humano dos incendios forestais, desa traxedia crónica que, ano tras ano, provoca devastadores efectos medioambientais, económicos, sociais e humanos. O dos incendios forestais é un mundo de múltiples caras. No verán de 2006 imos ver algunhas delas.
EVamos estar cos profesionais que loitan contra as lapas e contra os que as prenden: cunha cuadrilla de extinción; cos pilotos que loitan desde o aire; coas BIF que pescudan a orixe dos sinistros á procura de culpables; coa fiscalía especializada en levar ante a xustiza ós autores que se agochan baixo terribles estatísticas; e, cos que traballan por recuperar a terra queimada.
E vamos estar coas vítimas, cos que ven a súa paisaxe vital reducida a cinzas. E con algún dos poucos condenados por crimes de lesa natureza. E cos expertos que desde a ecoloxía, a economía, a socioloxía ou o xornalismo saben dar noticia desta lacra e atopan, se non respostas, preguntas axeitadas a este enorme problema.
Ficha técnica:
Duración: 50´
Director: Emilio McGregor
Guión: Emilio McGregor e Pepe Coira
Música: Ro Muñoz
Montaxe: Iker Elorrieta
Produción: Julio Fernández
Produción executiva: Carlos Fernández e Xosé Manuel Barreira
Co-produción executiva: Jesús Vecino e Pepe Coira
Equipo de produción: Tareixa Montes e Álex Goris